Lembrades a receita da rosca de Reis? Se comprastes auga de azar e non sabedes que facer con ela, havos interesar esta receita. É unha variación do tradicional queique de iogur con limón, pero cambiando o aceite de xirasol polo de oliva, e engadindo auga de azar no canto de reladura de limón. O resultado é boísimo, un queique ben espelido e aromático, máis lixeiro (e doado de facer) ca rosca de Reis 🙂
A miña recomendación é que usedes un aceite de oliva forte para que teña un sabor máis intenso: os tipos arbequina, cornicabra ou brava galega serían os máis axeitados. O queique non ha “picar” coma o aceite só, pero si gardará un pouco do sabor, se usades o aceite de oliva de fritir non ides obter o mesmo resultado.
A min saíume un queique mediano e outro pequeno por mor dos moldes, pero cun molde de 23-24 cm. de diametro ha ser suficiente para botar toda a masa.
Ingredientes (para un biscoito de 8-10 racións):
4 ovos
1 iogur natural de 125 gr.
1 medida do iogur de aceite de oliva, máis un pouco para o molde
3 medidas e media (do iogur) de fariña de trigo
2 medidas (do iogur) de azucre
2 culleres de auga de azar
1 culler de fermento químico
1 belisco de sal
- Prequecemos o forno a 180º.
- Nun bol grande, poñemos todos o ingredientes líquidos, batemos ben ca batedora.
- Mesturamos a fariña, o fermento e o sal nun prato fondo.
- Engadimos a mestura do prato ao bol, POUCO A POUCO, mestres seguimos a bater.
- Engraxamoso molde e vertemos a masa nel.
- Cocemos durante 30-40 minutos: depende moito do forno, así que ide comprobando cada rato. Para saber se está listo, metedelle unha agulla de calceta no medio do queique, se sae seca é que xa esta listo.
Que aproveite!