Andaba eu procurando unha receita para usar un feixe de porros que esmorecía no frigorífico e din con esta torta salgada orixinaria do noroeste de Grecia, moi doada de facer. Hai versións de pataca (Patatopita) ou de espinacas (Spanakopita), e adoita levar unha base-cobertura de filo: un tipo de follado, igual que o que se usa nos doces chamados baklavas. Eu non fixen porque quería algo rapidiño, se queredes ver como se fai (leva moito traballo) podedes consultar este fantástico video con música de Daft Punk.
É un pastel, que se pode comer quente ou do tempo, e está máis rico ao día seguinte. Velaiquí a receita:
Ingredientes (para 6 persoas):
8 culleres de aceite de oliva
3 ou 4 porros grandóns
Unha cebola mediana, ben picada
3 ovos
350 ml de leite (un vaso e medio)
250 gramos de queixo feta (atopable no LIDL)
200 gramos de fariña
Unha culler de aneto
Unha culleriña de ourego
Sal e pementa ao gusto
- Prequentar o forno a 180º
- Cortar os porros moi finiños e usar a parte branca, deixando a parte verde para facer un caldo, se queredes.
- Botar 6 culleres de aceite de oliva na tixola, quentar e botar o porro picado e a cebola ata que douren e estean tenros.
- Bater os ovos nun bol grande, engadir o queixo cortado en dadiños, a fariña, as especias e o porro ca cebola. Bater ben.
- Untar un molde co aceite de oliva (dúas culleres) e esparexer cun pano de mesa de papel. Verter a masa e cociñar no forno durante 45-60 minutos, dependendo do molde que esteades a usar.
- Deixar enfriar, estará máis bo ao día seguinte!
Que aproveite 😉
3 comentarios en “Prasopita – Torta de porros e cebola”