Este guiso é típico da zona sur de Portugal, o Alentejo, sendo coñecida noutras zonas do país coma “porco á alentejana”. Ten unha elaboración bastante longa, hai que mariñar a carne o día antes, pero queda un sabor tan especial que ben paga a pena. A carne de porco pode ser de varios cortes, pero queda mellor un que teña graxa, tipo paleta.
Este é un deses pratos com moitos sabores: eu son das que gustan deles, pero hai xente que prefire sabores máis sinxelos, hai queda o aviso 🙂 O mesmo acontece co coandro, a mín gústame: desta vez non lle puxen porque non tiña, pero á maioría da xente que coñezo dalle noxo… ¿a vós gústavos? Contade as vosas vicisitudes co coandro nos comentarios ou no noso Twitter!
Ingredientes
500 gr. carne de porco
1 kg ameixas
2 cebolas
2 culleres de massa de pementão
4 tomates
2 culleres de unto (lardo)
1 vaso de viño branco
1 folla de loureiro
2 craveiras
Coandro fresco (opcional)
Sal e pementa ao gusto de cada un
2 dentes de allo
- Cortamos a carne en anacos pequenos.
- Xuntamos o pementón, o viño branco, o loureiro, as craveiras, un dente de allo picado, o sal e pimenta. Remexemos e deixamos mariñar dun día para o outro.
- Ao día seguinte cortamos as cebolas en rodas, o outro dente de allo e o tomate sen pel nen anacos duros, e levámolo todo ao lume cunha culler de unto.
- Deixamos refogar ata que o tomate e as cebolas estean cocidos.
Engadimos as ameixas, previamente lavadas varias veces.
- Logo de que as ameixas abran, salpementamos e deixamos ferver 1 minuto máis.
- Retiramos do lume. Noutro recipiente fritimos a carne co resto do unto.
- Engadímoslle 2 culleres do líquido da mariñada e deixamos cocer durante uns 5 minutos.
- Xuntamos as ameixas e a carne, servimos con cachelos ou patacas fritas en cubos, todo esparexido con coando fresco picado.