A quen non lle gusta o polo guisado? Esta semana traemos unha receita moi doada de facer (en serio, o único que cómpre é un pouco de paciencia). Esta receita viría sendo a versión estival deste polo guisado ao viño tinto.Podedes cambiar as verduras, tamén quedaría ben con cebola e pementos, berenxena, etc.
Xa sabedes que por estas leiras somos moito de polo, podedes velo nesta receita de albóndegas de polo con ananás, ou esta de polo rebozado ao mel.
Ingredientes (para 4 racións)
8 coxas ou contracoxas de polo
Un allo porro
Unha cabaciña
6 metades de tomates secos rehidratados
250 ml. de viño branco, seco ou semi-seco
8 culleres de aceite de oliva virxe extra
Sal ao gusto
1/2 culleriña de tomiño
- Poñemos o aceite a quecer nunha tixola ben grande. Douramos ben as pezas de polo e reservamos.
- No mesmo aceite botamos o allo porro e a cabaciña cortados en dadiños. Cocemos a lume medio ata que comecen a estar brandos e transparentes.
- Engadimos os tomates secos picados, o tomiño e o sal. Remexemos un par de minutos.
- Engadimos o viño e deixamos cocer máis ou menos 5 minutos, ata que evapore o alcol.
- Botamos o polo de volta á tixola e deixamos cocer, a lume medio, durante 20 ou 30 minutos. E probable que algunhas verduras queden caramelizadas (escuras), pero non vos preocupedes, están moi boas así!
Que aproveite!