Guiso de polo con olivas

Polo guisado con cebola e olivas negras

Esta semana toca un guiso con polo, a miña carne favorita. Xa vai un pouco de frío e apetecen pratos máis contundentes: este queda mellor se o facemos o día antes, xa que os sabores mesturaránse mellor.

A recita orixinal é do blog El comidista, esta é unha versión un pouco simplificada. Encántame como lle queda o tomiño e a mel á carne de polo, e tamén o sabor intenso das olivas: o vicio é andar apañándoas para mesturarlas na boca co resto de ingredientes, é unha explosión de sabor!polo-guisado-olivas2

Ingredientes (para 2 ou 3 racións, segundo o que comades)

2 coxas de polo

2 contracoxas, tamén de polo

2 cebolas pequenas ou unha grande

2 tomates pequenos de bote, pelados

150 gr. de olivas negras, con óso

1 culler de mel

1 culleriña rasa de tomiño

Un chisco de pementón doce

75 ml. de aceite de oliva

Sal e pementa

  1. Salpementamos o polo, quentamos o aceite nunha pota grande e douramos as partes por todos os lados.
  2. Cortamos a cebola en rodas finas.
  3. Retiramos o polo, baixamos o lume e cocemos a cebola a lume medio/baixo durante 30 minutos.
  4. Cortamos os tomates en dados, engadímosllos á pota xunto co mel, o tomiño o pementón. Metemos tamén o polo e deixamos cocer durante 1 hora a lume medio: Se o polo é de curral pode ser que precise máis tempo. Ao final a carne ten que estar branda e separarse dos ósos facilmente.
  5. Escaldamos as olivas durante 1 minuto e engadímolas ao guiso. Deixámolo cocer 15 minutos máis, sen tapa.polo-guisado-olivas4
  6. Para que saiba máis, é mellor deixar repousar unha noite.
  7. Para acompañaren, recoméndovos puré de patacas, cachelos ou arroz branco.

Que aproveite!

polo-guisado-olivas1

Un comentario en “Polo guisado con cebola e olivas negras”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *