Polbo mariñado

…. e seguimos a postear receitas axeitadas para a calor, desta vez vai un prato que ven serve para facer de cea ou de entrante, polbo mariñado! Como aínda non me atrevo a facer ceviche, probei con esta receita na que o polbo xa está cocido.

Évos moi sinxelo de facer, serve para aproveitar o polbo que vos sobre doutra cousa e aínda por riba permite que se conserve uns días máis, todo vantaxes! Eu fíxeno con polbo conxelado, pero tamén se pode facer con el fresco.

Ingredientes (para dúas racións)

4 patas de polbo

8 culleres de aceite de oliva

Zume dun limón, dous se vos gusta acedo

Sal e pementa ao gusto

Perixel para a decoración

  1. Cocemos o polbo en auga con sal durante 30 ou 40 minutos, ata ue poidamos meter un garfo e sacalo con facilidade.
  2. Deixamos arrefriar, e cortamos as patas en anacos de 2-3 cm de grosor.
  3. Nun prato fondo ou cunca, colocamos o polbo e botámoslle o zume de limón, o sal e a pementa por riba.
  4. Botámoslle o aceite, e se non cobre o polbo (que ha de ser o máis probabel) engadímoslle auga fría ata que a capa de aceite estea por riba.
  5. Deixamos repousar no frogorífico durante 24 horas e servimos cun pouco de perixel, a poder ser, fresco. Se vedes que hai moito mollo, podédelo gardar para untar unhas torradas, como fixen eu ;).

Que aproveite!

polbo-2polbo-1

Un comentario en “Polbo mariñado”

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *