Unha receita moi sinxela para as ceas de verán! E nada máis que engadir 😉
Ingredientes (para dúas racións)
160 gr. de pasta
Dúas cabaciñas pequenas, en rodas cortadas á metade
3 cebolas tenras pequenas
Un feixe (30 gr.) de perixel
60 ml. de viño branco seco
Catro culleres de aceite de oliva, máis un chisco para o final
Queixo parmesán ao gusto
Sal e pementa
- Cocemos a pasta seguindo as instruccións do paquete, pero tendo conta de que quede un pouco dura: con 2 ou 3 minutos menos de cocción abondará.
- Mentres, cortamos as cebolas en rodas moi finas.
- Quecemos o aceite nunha tixola grande cunha tapa e botamos as cebolas a cocer a lume alto durante 1 minuto, tapado.
- Remexemos as cebolas cunha culler de pau, e engadimos as cabaciñas. Deixamos cocer 5 minutos, remexendo de cando en vez.
- Engadimos o viño e a metade do perixel, baixamos o lume e deixamos cocer 5 minutos máis. Ha de quedar moi tenro e un pouco translúcido. Engadimos sal e pementa e deixamos repousar.
- Escoamos a pasta reservando un vasiño da auga da cocción.
- Volvemos poñer a pota da pasta no lume e engadimos todo: a pasta escoada, un chisco da auga de cocción, un chisco de aceite de oliva, a mestura da tixola, o perixel e o queixo relado. Remexemos, se queda algo seca ou non liga ben, engadimos un pouco máis de auga.
- Servimos quente, a desfrutar!
Un comentario en “Pasta con cabaciñas”