Panquecas

Hoxe traemos unha receita ben sinxela, unhas panquecas para almorzar desas que se ven tanto nas películas de USA. As panquecas non teñen case sabor de si, o bonito é a súa textura e que combinan con todo . Teñen tantos buratiños que absorben calquera líquido que se lle bote: leite condensado, zume de pradairo (maple syrup), mel quente, etc.

Nalgunhas tendas de produtos nortemericanos venden un preparado ao que engadirlle leite, pero a non ser que sexades un pouco langráns, isto faise na casa en 5 min máis o tempo de tixola. É recomendable usar unha pequena (de 12-16 cm. de diámetro) porque teñen que ter alomenos  un centímetro de grosor para que queden ben. O truco é ir facendo ata que remate a masa, non cómpre ser moi exactos!

Ingredientes (para 4 ou 5 panquecas coma as da foto: é un prato pequeno)

180 gr de fariña

180 ml de leite

Un ovo

Unha culleriña de fermento químico

Unha culler de manteiga en pomada (opcional)

Un belisco de sal

Manteiga ou aceite de xirasol para a tixola

  1. Quecemos a tixola a lume medio cun pouco de manteiga ou aceite (3 ou 4 pingas bastarán).
  2. Nun bol betemos o leite co ovo e a menteiga tépeda.
  3. Imos engadindo a fariña, o fermento e o sal. Non fai falta batelo moito, cando teña unha consistencia similar ás filloas xa vale.
  4. Botamos un pouco de masa na tixola, cando doure por abaixo dámoslle a volta, en total 2-4 minutos por lado. Ao principio o lume terá que estar un pouco máis alto, despois pódese baixar.
  5. Repetimos o proceso para todas as panquecas.
  6. Servimos quentes co condimento que máis vos guste.

Que aproveite!

2 comentarios en “Panquecas”

  1. Se queredes saber cando hai que lle dar a volta a unha panqueca, basta con observaren o comportamento das burbullas que se forman ao quecer a panqueca: cando as burbullas deixen de se pechar, é o tempo de darlle a volta. Veredes que non falla.

Deixa una resposta a Rafa Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *