Mousse de amorodos e chocolate branco

Unha das froitas que máis paixóns levantan, os amorodos xa comezan a aparecer nas tenas, aínda que a maioría sexan da variedade “branca por dentro e insípida”. Para est areceita paga a pena comprar uns máis bos, ou agardan ata que cheguen os do país: normalmente canto máis pequeniños sexan mellor sabor teñen.

A receita dá como resultado unha mousse moi suave, semellante aos petit-suisse, se queredes un sabor máis intenso e concentrado, rebaixade a nata á metade 😉 Se aínda vos quedan ganas de amorodos, lede esta receita de queique, ou esta de gaspacho, ideal para os días de verán.

Ingredientes (para 8 racións, aproximadamente)

650 gr. de amorodos

600 ml. de nata para bater

150 gr. de chocolate branco

Tres culleres de azucre

Zume de medio limón

7 gr. de xelatina en po

Un belisco de sal

  1. Lavamos e pelamos todos os amorodos. Pasamos a metade pola batedora co zume de limón, facendo un puré.
  2. Cortamos en láminas finas a outra metade dos amorodos, mesturámolos co puré do paso 1.
  3. Nunha tixola, quecemos a lume baixo 200 ml. de nata e o chocolate en anacos.
  4. Nun vasiño, mesturamos a xelatina con 50 ml. de auga, deixámola repousar 5 minutos.
  5. Engadimos a xelatina á mestura da tixola, remexendo, sempre a lume medio, para que non chegue a ferver. Cando estea todo disolto, apagamos o lume.
  6. Montamos o resto da nata co belisco de sal, ata que estea firme.
  7. Mesturamos o líquido da tixola co puré de amorodos.
  8. Cando estea frío, engadimos a nata montada, remexendo en movementos amplos e a modiño, pero que non baixe.
  9. Colocámolo en vasos e deixámolo repousar unhas horas, mellor se é o día antes.
  10. Servimos adornado cuns amorodos cortados, chocolate negro ou branco, améndoas…

Que aproveite!

mousse-amorodo-2

2 comentarios en “Mousse de amorodos e chocolate branco”

  1. Esta mousse ten dous dos ingredientes que máis me gustan, os amorodos e o chocolate branco!!! Encántame! Heina probar e xa che contarei 😉

Deixa una resposta a xamon Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *