A moqueca é un guiso de peixe típico do Brasil. O seu peculiar nome vén da lingua tupi, é un derivado de de moquém, que significa algo así coma “secador”. Na técnica tradicional dos indíxenas o costume era asar a carne ou peixe nunha folla para cocelos no seu propio zume. Coma todas as receitas tradicionais, ten moitas variantes, e dúas rexións teiman por ser a que serven a auténtica moqueca, neste caso o estado de Baía e o de Espírito Santo, no sur.
É un prato de sabor moi intenso, e paga a pena probalo: esta receita está adaptada para o padal europeo (máis sosiño): cambiei o aceite de palma por xirasol e aínda que soe raro, o leite de coco, e eu non llo botei porque non gusto do seu sabor. De todos os xeitos, é saborosísimo: non quedou nada no prato!
Ingredientes (para 4 racións)
4 filetes de peixe branco (pescada, panga ou bacallao sen salar)
2 tomates, cortados en rodas
2 pementos verdes, sen sementes e cortados en rodas
2 pementos amarelos, sen sementes e cortados en rodas
2 cebolas pequenas, peladas e cortadas en rodas finiñas
2 culleres de aceite de oliva
1 culler de aceite de xirasol
300 ml de leite de coco (OPCIONAL)
1 lima
Media pastilla de caldo vexetal
Unha presa de coandro fresco, ben picado
Sal e pementa negra
- Quecemos o aceite de oliva nunha tixola e botamos os pementos verdes e os amarelos. Cociñamolos durante 1o minutos, ou ata que comecen a estar brandos e transparentar.
- Botamos os tomates por riba, despois o aceite de xirasol, o leite de coco (podédelo cambiar por auga, que é o que fixen eu) o coandro, o sal e a pementa. Deixamos cocer a lume medio sen remexer durante 5 minutos.
- Colocamos os filetes de peixe por riba e deixamos cocer, sen remexer cunha tapa por riba durante 5-7 minutos, dependendo do grosor.
- Pasamos a moqueca a un prato e aliñamola co zume da lima, un chisco máis de sal e un pouco de aceite de oliva. Acompañámola co arroz branco, cachelos ou pan, o que prefirades!
Bo proveito!
Parabéns no nome do equipo da revista Coolt polo teu recuncho de cociña. Realmente inspirador.
Ola Cecilia! Moitas grazas polo comentario. Acabo de ver a vosa revista, non a coñecía, e encántame 🙂 Dá gusto ver proxectos así, e en galego! Un saúdo