As mellores madalenas?

Idesme perdoar o titular pouco específico, pero de todas as receitas de madalenas que fixen, estas son as que máis me gustan: de sabor e de textura, son marabillosas! Ademáis teñen a vantaxe de que non hai que bater moito nin repousar a masa no frigorífico.

A receita e unha adaptación dunha que vin no Instagram de Aliter dulcia, un obradoiro de Xixón que ten moitas e moi boas receitas. Eu usei metade de fariña de millo, pero podedes cambiala por arroz ou castaña, ou facelo todo con fariña triga, como máis vos guste.

Ingredientes (para 24 unidades)

360 ml. de aceite de oliva virxe extra

300 gramos de azucre, máis un chisco para a cobertura

6 ovos

175 gr de fariña de trigo

175 de fariña de millo

13 gr de fermento químico

Un belisco de sal

Un chisco de canela ou noz moscada

Reladura dun limón (opcional)

Utensilios: batedora de variñas, cápsulas de papel, moldes de madalenas (de silicona ou de metal).

  1. Prequecemos o forno a 225º, arriba e abaixo.
  2. Bater os ovos co azucre a man. Non queremos que a mestura creza, con que estea ben homoxenea vale.
  3. Engadir o aceite de oliva e seguir batendo, despois botamos a fariña o fermento, o sal, a canela e a reladura de limón. Neste punto eu usei a batedora electrica cas variñas a velocidade mínima, porque é moi cansado bater tanto tempo a man.
  4. Encher as cápsulas de papel a unha altura de 3/4. Esparexer un pouco de azucre por riba ata facer unha costra finiña.
  5. Cocer no forno a media altura ata que a costra rompa e estean ben douradas. Levará uns 10 ou 15 minutos, dependendo do forno. É importante non abrilo, porque interrumpiría a “subida” das madalenas.
  6. Sacamos as madalenas e deixámolas arrefriar nunha bandexa de rexas, gardámolas nun recipiente hermético, estarán boas 3 ou 4 días, despois comenzar a secar.

Que aproveite!

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *