O trigo mouro, ou sarraceno, aínda non é moi coñecido pero pouco a pouco vai ocupando un oco no mercado, sobre todo porque non ten glute: semella un cereal pero en realidade non o é. É típico cultivalo en chans acedos e pobres, coma na Bretaña francesa (alí emprégase para facer as famosas galettes, unha especie de filloas salgadas) e por mor da dificultade para recollelo de xeito mecánico, o seu cultivo en Europa foi esmorecendo. Na actualidade véndese en tendas de alimentación natural, grandes superficies e nalgunhas panaderías. Ás veces vén etiquetado coma “harina de alforfón”, un dos seus nomes en castelán.
Estas galletas son moi doadas de facer, se llas facedes a alguén celíaco hánvolo agradecer. Ao non levaren glute a masa non queda tan ligada, por iso hai que deixalas repousar a lo menos unha hora no frigorífico antes de cocer no forno. Tamén se pode deixar feita a masa para o día seguinte, o conxelala.
Ingredientes (para 12-14 galletas grandes)
180 gr. de fariña de trigo mouro
1 ovo
80 gr. de azucre de caña
80 gr. de manteiga, tépeda
80 gr. de noz moída
Media culleriña de bicarbonato sódico
Media culleriña de sal
Media culleriña de extracto de vainilla
Azucre glas, para a decoración
- Nun prato fondo mesturamos a fariña co sal e o bicarbonato.
- Nun bol poñemos a manteiga e mailo azucre e batemos ca batedora de varillas ata que claree e estea “esponxoso”.
- Engadimos o ovo, a noz e o extracto de vainilla no bol, seguimos batendo e engadimos pouco a pouco a mestura do paso 1.
- Tapamos o bol con film transparente e deixámolo no frigorífico unha hora.
- Prequecemos o forno a 180º e colocamos papel de forno na bandexa negra.
- Cunha culler facemos bolas de 3 ou 4 cm de diámetro (non teñen que quedar redondas, han derreter) e colocámolas cunha distancia de 5 cm entre elas.
- Cocemos 12-15 minutos, ou ata que estean douradas polas beiras.
- Deixamos arrefriar, e as que sobren gardámolas nun recipiente hermético, durarán 4 ou 5 días.
- Decoramos cun chisco de azucre glas.
Probastes algunha vez o trigo mouro? Que vos parece?
Vaia pinta, estas teño que probalas¡ Saudos e bicos