Hai pouco vin nunha pastelería este doce, e pareceume que non era difícil de facer, así que probeino na casa e paga moito a pena. Tamén se coñece polo nome de “flan patissier” e é da família dos pasteis de nata portugueses 😀
A masa brisa ou masa quebrada tamén se pode facer na casa, pero para aforrar tempo eu compreina feita, é habitual na sección de refrixerados. O recheo pode adaptase un pouco: se queredes que quede máis amarelo botádelle unha xema máis, ou tamén podedes cambiar 200 ml de leite por 200 ml de nata se vos gusta máis pesado.
O tema dos legumes secos vai variar dependendo do tamaño do molde, pero teñen que ser dabondo para chegar á altura da masa, calculo que 300 ou 400 gr serán suficientes.
Ingredientes (para 8 porcións, aproximadamente)
Garavanzos ou fabas secos para a primeira cocción
Un paquete de masa brisa
550 ml de leite enteiro
200 ml de nata de bater (35%MG)
20 gr. de manteiga derretida
2 ovos
100 de azucre
Unha culler ben chea de Maizena
Un pau de vainilla
- Prequecemos o forno a 190º por riba e por baixo.
- Nun molde desmontable de 24-26 cm de diámetro colocamos papel de forno no fondo, montamos o lateral, estendemos a masa e pegámola ás beiras. Ide con conta para que quede simétrico.
- Colocamos papel de forno por riba da masa (o que trae a masa valerá) e enchemos o recipiente cos legumes.
- Quecemos durante 15 minutos, ata que comece a estar dourado nos bordes. Retiramos e deixamos arrefriar.
- Nunha pota poñemos o leite, a nata e a vainilla, quecemos ata que estea a piques de ferver e retiramos. Deixamos repousar 10 minutos.
- Nun bol grande botamos os ovos, a manteiga o azucre e a Maizena. Batemos ben cunha batedora de variñas ata que teña unha textura homoxenea.
- Retiramos o pau de vainilla da pota do paso 5 e poñémola a lume medio. Imos engadindo a mestura dos ovos mentres remexemos sen parar cunhas variñas (ou dous garfos).
- Cando comece a cambiar a textura da crema (facéndose máis espesa) retiramos e deixamos repousar ata que estea morno.
- Quitamos as legumes do molde, botamos a crema e cocemos no forno 45-50 minutos a 180º, por riba e por baixo. Se queredes que teña a costra máis torrada, podedes engadir 5 minutos máis de calor por riba con ventilador.
- Podese comer en canto estea a temperatura ambiente, ou deixala para o día seguinte: a masa estará un chisco menos crocante pero o recheo terá máis sabor.
Que aproveite!