Ensalada grega de garavanzos

“Da ensalada, dous bocados e deixala”, eso di un refrán galego, pero seguro que se refería ás ensaladas tristeiras que se poñen para acompañar: un pouco de leituga e tomate asolagados en vinagre e aceite. Aínda que eu tampouco son moi fan das ensaladas en xeral, cada vez vou probando cousas novas e algunha delas fica no recetario, coma esta completa ensalada de inspiración grega, perfeta para un xantar de verán :). Se queredes ver outras receitas gregas, probade este pastel de allo porro, ou esta sopa fría de iogur e cogombro.

Aguanta un par de días no frigorífico, despois o cogombro e os tomates comezarán a esmorecer.

Ingredientes (para 4 racións)

200 gr. de garavanzos cocidos

Un cogombro grande

2 ou 3 tomates ben maduros

Un pemento roxo (opcional, que hai a quen lle repite)

100 gr. de queixo feta

80 gr. (media lata escoada) de olivas negras

Zume dun limón

Ourego (opcional)

Aceite de oliva virxe extra

Un belisco de sal

  1. Cortamos o cogombro en rodas finas, de medio centñimetro coma máximo, e despois as rodas en cuartos. Cortamos o tomate, o pemento e o queixo en dadiños; e as olivas en rodiñas finas.
  2. Nunha cunca grande botamos os garavanzos, o cogombro, as olivas, o queixo, o pemento (se houbere) e os tomates. Botamos o zume de limón mesturado cun pouco de aceite, o ourego e o sal. OLLO: as olivas e o queixo feta xa levan moito sal, así que andade con conta.
  3. Deixamos arrefriar na neveira durante a lo menos unha hora e servimos cun chisco máis de aceite de oliva por riba.

Que vos parece? Coñecedes máis receitas de ensaladas? Deixádeas nos comentarios!

master

5 comentarios en “Ensalada grega de garavanzos”

  1. Gústanme as túas ideas, atractivas e sinxelas… Esta ensalada permite moitas variantes, supoño. Achégovos unha: engadirlle un pouco cous-cous.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *