Curri de berenxena e gambas

Que tal andades? Eu con pouco tempo para actualizar, pero cando fixen esta receita estaba decidida a poñerla, porque está boísima! Eu non son moito de curris, pero a verdade é que son perfectos para este tempo frío e están deliciosos no momento ou ao día seguinte.

A receita está simplificada para que sexa doado atopar os ingredientes: o coandro fresco haino en case todos os supermercados e tamén en froiterías. O iogur de coco eu collín o de marca Alpro e estaba moi bo, tamén vos vale para facer queiques de iogur versión sen lactosa, como este de tahini e sésamo, ou este máis tradicional de noces.

Ingredientes (para 2 ou 3 racións)

Dúas berenxenas pequenas

200 gr de gambas peladas, frescas ou conxeladas

250 gr de tomates “cherry”

Unha peza de xenxibre fresco de 3-4 cm

Dúas culleres de aceite de xirasol

Zume e reladura dunha lima

Media culleriña de pementa caiena

Media culleriña de coandro moído

50 ml de auga

2 culleres de iogur de coco

Un feixe de coandro fresco (sete ou oito pólas), picado

Dous beliscos de sal

  1. Lavamos e cortamos as berenxenas en dados de 1,5 cm, con pel.
  2. Poñemos o lume a media intensidade e colocamos unha pota grande co aceite. Quecemos e engadimos as berenxenas xunto co sal. Remexemos duante 5 minutos ou ata que comecen a dourar.
  3. Lavamos e relamos fino o xenxibre. Engadímolo á pota co coandro moído e a pementa caiena. Remexemos 2 minutos máis.
  4. Botamos a auga e os tomates cherry. A min gústame cortalos pola metade para que saquen máis líquido, pero isto xa vai a gusto de cada quen:
Comeza a abrandar

5. Despois de 10 minutos, cando todo estea máis brando, engadimos as gambas e cocemos 3 ou 4 minutos máis, ata que a carne estea branca.

6. Sacamos do lume, botamos o iogur de coco, a metade do coandro fresco picado, o zume de lima e a reladura (se non vos gusta, isto último é opcional).

7. Servimos nos pratos e decoramos co resto do coandro. Servimos con arroz branco ou pan de pita (uns cachelos tampouco lle irían mal, se facedes a proba, comentade!)

Cheira que alimenta!

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *