Esta crema é moi típica en Gran Bretaña, e non é de estrañar, xa que ten un gusto moi agradecido e (como case todas as receitas que publicamos) é moi doada de facer.
Se queredes ver máis receitas con porros, podedes probar a facer este pastel grego. Se pola contra o que queredes son cremas de verduras das que tanto avío fan no inverno, botádelle un ollo a esta de cenoura e batata, ou a esta crema rubia de verduras.
Ingredientes (para 4 racións, aprox.)
2 porros grandes
2 patacas grandes, peladas.
1 pastilla de caldo concentrado de polo (ou de verduras)
2 culleres de aceite de oliva virxe extra
Pementa negra e nata líquida (18% MG) para decoraren
- Quitamos a parte verde dos porros, lavámolos e cortámolos en rodas de 2 cm.
- Nunha pota grande, quecemos o aceite e sofritimos os porros durante 5-10 minutos, ata que comecen a dourar.
- Botamos as patacas cortadas en rodas finas e o caldo e cubrimos con auga. Normalmente este xa ten moito sal, así que non cómpre botarlle máis.
- Cocemos durante 20 minutos, ata que as patacas queden brandas e comecen a desfacerse.
- Deixamos repousar un chisco e pasámolo todo pola batedora.
- Servimos decorado coa nata líquida e a pementa.
Que aproveite!