Couves de Bruxelas con mel e mostaza

As couves, coles ou coias de Bruxelas son unhas pequenas verduras da familia do brócoli e a coliflor. Teñen mala fama por teren un sabor un pouco amargo, e porque  soltan un cheiro fedorento ao cocelas. Pero nesta receita soluciónanse os dous problemas, xa que ao facelas á grella non cheiran, e vaiselle o amargor. Ainda por riba, o mollo de mel e mostaza complementa perfectamente ás couves, están deliciosas! A mostaza que usei é a de “ao xeito antigo”, a de puntiños, xa que a outra é moi picante para esta receita.

A receita é tan sinxela que admite moitas variacións: cun pouco de panceta, con vinagreta de zume de limón, piñóns, etc. Se tendes máis ideas de adobos, deixádeas nos comentarios!

Ingredientes (para 2 racións)

Medio quilo de couves de Bruselas

2 culleriñas de mel

2 culleriñas de mostaza, estilo antigo

6 culleres de aceite de oliva

Un chisco de sal

  1. Lavamos as couves, quitámoslles as follas de fóra e a base dura, e partímolas pola metade ao longo.
  2. Nunha tixola grande quecemos a metade do aceite a lume medio.
  3. Cando estea quente, poñemos as couves ca parte lisa cara abaixo. Deixámolas a lume medio 7 ou 8 minutos, ata que estean un pouco churruscadas (ver foto).
  4. Dámoslle a volta, botamos o sal e churruscamolas polo outro lado. Reservamos.
  5. Repetimos a operación (porque no hai tixola onde caiban todas deste xeito).
  6. Mesturamos o mel e a mostaza nunha cunca.
  7. Poñemos todas as couves na tixola, como poidamos, e apagamos o lume.
  8. Botamos o mollo e remexemos ben, non importa se soltan algunhas follas, é normal.
  9. Servimos quente, que isto frío non vale nada!

4 comentarios en “Couves de Bruxelas con mel e mostaza”

    1. Ola Sabela! Unha dúbida, al facelas ao forno, botaslle o limón e queixo antes de cocelas ou despois? Un saúdo!

  1. Eu fágoas na tixola cun pouco pementa e logo no forno con aceite de sésamo e mel. Probaremos coa mostaza

Deixa una resposta a xamon Cancelar a resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *