Se, como di aquel, unha pizza é unha empanada mal feita, a coca sería unha versión aínda peor 😀 En realidade é moi semellante á pizza, só que non adoita levar queixo e a masa é un pouco distinta: ao principio as cocas eran o xeito de aproveitar a masa do pan que non levedara. O nome “coca” vén de la palabra kok do neerlandés, e ten o mesmo raigame que os cake inglés ou o kuchen alemán. Son típicas de Baleares, Cataluña e o Rosellón, e poden facerse doces ou salgadas.
Como o que eu quería era algo rápido, fixen un chisco de trampa e usei masa de follado xa feita. Para que non soba moito hai que pinchala cun garfo varias veces. Tamén podedes usar masa tipo brisa, ou facela vós segundo esta receita en vídeo. Respecto ás salchichas, eu usei as tipo nuremberger, que son as que máis me gustan, pero valen de calquera tipo.
Ingredientes para unha coca de 28 cm. de diámetro aprox)
Un paquete de masa de follado redonda
1 cabaciña grande
150 gr. de pementos de piquillo
4 salchichas pequenas cortadas en rodas
Aceite de oliva ao gusto
Sal e pementa
- Sacamos a masa da neveira e deixámola repousar 5 minutos. Pinchámola varias veces co garfo.
- Prequentamos o forno a 180º
- Quitámoslle a tona á cabaciña cun pelador. Eu deixo un pouco porque queda logo máis bonito, pero vai a gustos. Cortámola ao longo pola metade.
- Facemos lonchas finiñas (2-3 milímetros) ao longo co mesmo pelador. Pódese facer cun coitelo, pero leva máis tempo.
- Botámos un pouco de aceite de oliva encima da masa, estendémolo cunha espátula ou culler.
- Engadimos a cabaciña, as salchichas e os pementos cortados en anacos finos. Botamos un chisco de aceite por riba, preferentemente en espiral ou facendo zigzag, para repartilo mellor. Engadimos un pouco de sal e pementa.
- Cocemos no forno durante 25 minutos ou ata que as beiras douren e as verduras queden brandiñas.
Que aproveite!
2 comentarios en “Coca de cabaciña con salchichas e pementos”