Ano novo, deseño novo e un artigo un pouco diferente. Uns dos propósitos máis comúns que se teñen nestas datas é perder peso… pero aquí non nos imos ocupar disto 😀 pero imos con outro bastante popular, que é practicar e aprender inglés. Como a mellor forma de mellorar un idioma é consumir contidos que nos gusten, velaiquí tendes cinco suxestións para ampliar o repertorio de receitas e mais o vocabulario na lingua de Shakespeare:
Unha das máis amplas e coñecidas, o repositorio online da BBC ten miles de receitas, e podense buscar por tipo de dieta, ingrediente ou autor. O que máis me gusta é que como ten tantas visitas, está chea de comentarios que suxiren cambios e alternativas de preparación, que sempre ven moi ben.
Periodista e escritora gastronómica, ten unha páxina con receitas dos seus libros e da comunidade de usuarios. As receitas son sinxelas e adoita ofrecer substitutos aos ingredientes difíciles de atopar, e as cantidades veñen en sistema métrico e imperial. A súa especialidade son os pratos de pasta ultra calóricos e sobremesas de ensoño. Como é habitual en Reino unido cociñar con forno, hai unha sección só para iso, moi recomendable.
O blog da “cociñeira na casa” e guía gastronómica irlandesa Karen Coakley está cheo de receitas sinxelas e saborosas, a maioría recomendadas para cando vai frío, coma estes cogumelos recheos de queixo. Non hai tanto onde escoller coma nas dúas primeiras páxinas, o cal é bo se queredes unha boa selección de receitas sen vos perder entre seccións.
Páxina do chef e comunicador Andrew Rea, é unha compilación de técnicas e receitas básicas en vídeo, entre as que se inclúen cousas coma tacos, preparacións de ovo, pasta rechea… Hai outras máis non-tan-básicas: cocktails, cociñar a baixa temperatura, etc. pero en xeral son moi instructivas e aínda que as medidas están no sistema norteamericano, valen ben para inspirarse ou facerse unha idea para futuras comidas e ceas.
Web da veterana revista estadounidense, ten moitas receitas pero tamén artigos de gastronomía e guía de restaurantes por cidades dos EUA. As fotos son marabillosas e a navegación é moi doada, botádelle un ollo á sección “Basically” para inspiración de receitas e cousas sinxelas. Se xa sabedes bastante inglés, recoméndovos encarecidamente o seu canal de Youtube, non ides poder para de ver os vídeos!
PD: Seguramente xa o coñezades, pero non podía deixar de recomendar o blogue de Kukinhas, que está en galego e en inglés e ten receitas tanto galegas tradicionais coma típicas do Reino unido e doutros lugares. Un 10!
As imaxes deste artigo son propiedade das respectivas páxinas. A imaxe que o ilustra é desta receita de Bon Appétit: https://www.bonappetit.com/recipe/chicken-under-a-brick-in-a-hurry
Ei! Non vira eu esta recomendación! Moitas grazaaas!!! Había algunha páxina que non coñecía, apúntoas todas, que nunca veñen mal! Apertas
Kukinhas