Hai xa un tempo que non temos receitas de peixe e marisco, pero recuperamos o tempo perdido con esta delicia! Os chocos son doados de cociñar, mais precisan moita paciencia, xa que a súa carne ten que cocer moito para quedar brandiña. Para facer esta receita teredes que avisar na peixería que que volos limpen ben e garden a tinta nunha bolsiña aparte.
Para os que non queirades cociñar, pero si probar este marabilloso produto, podédevos acercar á famosa festa do choco de Redondela, unha das máis senlleiras de Galicia: o ano que vén cumprirá 30 anos!
Ingredientes (para catro racións)
1 quilo de chocos, cortados en rodas, ca súa tinta
1 cebola grande, ben picada
4 ou 5 culleres de aceite de oliva
1 vaso de viño branco
1 vaso de auga
3 dentes de allo
Unha culleriña de sal e perixel ao gusto
- Nun morteiro metemos o sal, o perixel e os dentes de allo cortados en anacos. Esmagamos todo xunto ata facer unha pasta.
- Quentamos o aceite de oliva nunha tixola grande e pochamos a cebola a lume medio.
- Cando estea branda e comece a dourar, engadimos os chocos, a tinta, o viño e a auga.
- Deixamos quecer a lume medio unha hora e media, aproximadamente. Se os chocos son grandeiros, un chisco máis.
- Servimos acompañados de cachelos ou arroz branco. Para facer arroz dun xeito rápido e sinxelo, mirade esta receita.
Que aproveite!
Un comentario en “Chocos guisados na súa tinta”