Hai tempo que quería probar a facer unha torta de queixo estilo americano na casa, pero querría probar algo un chisco distinto, así que fixen unha adaptación desta, pero engadindolle noces á base (idea que penso repetir, queda moito máis rica) e cambiando as galletas de vainilla polas de avea para que non quede tan doce. A verdade é que estou moi satisfeita co resultado: semella levar máis traballo, pero en 20 -30 minutos máis o tempo de cocción está lista, un triunfo asegurado!
Unha receita axeitada para aqueles que non moi larpeiros (hai xente para todo!), xa que se a tomades sen mel ten un regusto salgado moi agradable. Agora que comeza o bo tempo é moi boa idea levala coma sobremesa dun picnic 😉
Ingredientes (para un molde de 25 cm de diámetro) :
360 gr. (dous paquetes) de queixo rulo de cabra
125 gr. de queixo para untar
1 iogur grego
2 ovos
75 gr. de azucre
Para a base
20 galletas de avea tipo “Digestive”
80 gr. de manteiga
Unha presa de noces peladas e picadas
Nota: esta torta é mellor facela nun molde desmontable.
- Esmagamos as galletas, derretemos a manteiga e triturámolo todo xunto cas noces ata formaren unha pasta homoxénea. Se vedes que queda moi seca, engadide unhas pingas de auga para que estenda mellor.
- Prequentamos o forno a 180º.
- Quitámoslle a codia aos rulos de cabra e cortámolos en rodas de 2-3 cm.
- Metemos as rodas nun bol xunto co queixo para untar e quentámolos no microondas a potencia media para que abranden.
- No bol dos queixos botamos o azucre e batemos ca batedora. Cando estea ben mesturando engadimos os ovos, un de cada vez.
- Colocamos papel de forno no molde desmontable. Estendemos a pasta base esmagándoa ben cunha culler.
- Vertemos a pasta de queixo a modiño, alisamos a superficie para que non quede burbullas.
- Cocemos a torta no forno durante 45 aproximadamente. Se vos gusta cremosa, sacádea antes: aínda que o centro estea líquido callará pouco a pouco. Se vos gusta más compacta, deixadea ata que saian manchas na superficie, como fixen eu.
- Deixamos repousar 6 horas, coma mínimo.
- Decoramos con mel e servimos.
Que aproveite!
Un comentario en “Cheesecake de queixo de cabra e iogur grego”