O brócoli nunca foi unha verdura que me gustase moito ata hai un par de anos, pero agora non podo parar de argallar receitas con el! Penso que o problema é que sempre o cocía de máis, e así perdía moito do seu sabor. Refogado nunha tixola está delicioso, e desta vez aproveiteino para facer un cous-cous vexetariano que será a ledicia de estudantes e todos aqueles que queiran preparar unha cea rápida.
Para ver cómo se fai una pizza con brócoli, aquí vai unha ligazón. Se pola contra o que vos interesa é o cous-cous, ide mellor a esta receita on polo e verduras.
Recomendación: se vos gusta o queixo azul intenso-pero-non-moito, non deixedes de probar o de Sara&Lara, está riquísimo!
Ingredientes (para 4 racións, aproximadamente)
Un brócoli pequeno
250 gr. de cous-cous
250 ml. de auga
75 gr. de uvas pasas
75 gr. de noces
75 gr. de queixo azul
25 gr. de manteiga
Un tercio de pastilla de caldo
Sal e pementa
- Lavamos e cortamos o brócoli, quitándolle todas as pólas.
- Disolvemos a pastilla de caldo na auga.
- Nunha tixola grande derretemos a manteiga a lume medio. Cociñamos o brócoli (ben partido en anacos) durante 3 ou 4 minutos, ca tapa posta.
- Botamos as pasas, o sal e a pementa e a auga, deixámolo cocer un par de minutos máis e engadimos o cous cous. Apagamos o lume e deixámolo tapado un minuto.
- Engadimos o queixo en anacos e as noces, remexemos. Se quedase un pouco seco, podemos engadir un pouco máis de manteiga, ou un chisco de aceite de oliva.
- Estará mellor ao día seguinte, e aguanta dous ou tres días máis gardado na neveira.
Que aproveite!
Un comentario en “Brócoli con cous-cous, pasas e noces”